Thursday 16 de May de 2024

Costas dá por finalizado o dragado sen facer os tramos de paseo pendentes entre Oleiros e Cambre


O proxecto de rexeneración da ría non está rematado. Oleiros segue sen estar conectado con Cambre a través dun paseo marítimo, o que impide circunvalar toda a ría.

A nova zona verde creada na desembocadura do río do Seixo, dotada dun tramo de paseo marítimo, non está conectada nin co paseo de Beiramar nin co paseo de Cambre, ao que actualmente hai que acceder polo parque municipal da urbanización do Seixo. Mentres o Ministerio non aborde estes dous tramos pendentes de paseo no Paraíso e no Seixo, o Concello manterá pechadas por precaución as futuras conexións dos tramos dos paseos costeiros.

“Desde Oleiros lamentamos a actitude da Xefatura de Costas e do Delegado do Goberno, respecto do tramo do Paraíso para o cal se chegaron a talar decenas de árbores de gran porte. No proxecto existía unha partida para abordar as obras e non se investiu, ademais de quedarse coa madeira da tala”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.